Entre os días 15 e 18 de xuño, no Concello de Monforte de Lemos, celebrarse o curso interxeracional «Auga Terra Lume Ar. A Ribeira Sacra», que organiza da Universidade de Santiago de Compostela. Estas xornadas contan co apoio de numerosas institucións como a Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e varios concellos, entre eles o da Pobra do Brollón.
Durante estes días falarán ao público varios dos especialistas na temática da Ribeira Sacra dende distintos puntos de vista: antropoloxía, xeografía, historia, arqueoloxía… Ademais tamén haberá ocasión de escoitar os responsables da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, que explicarán cuestións referidas ao proxecto. Durante estas xornadas tamén se fará unha visita ao espazo dos Conventos (no Val do Frade), logo da exposición do director do xacemento, Xurxo Ayán. Neste proxecto dos Conventos como tamén no proxecto da web serie de Adegas da Memoria, a Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur participou economicamente e implicouse na medida en que se puido.
Finalmente, en canto á nosa asociación, fomos convidados a participar na mesa titulada «O ar e os ventos frescos da comunidade», canda as asociacións de Segredos de Pantón, O Sorriso de Daniel e Colado do Vento. Pola nosa parte falaremos tantos dos proxectos pasados nos cales participamos (Os Conventos, Camiño de Inverno, Roteiro polo patrimonio, Memoria fotográfica, posta en valor das adegas milenarias como BIC…) como as iniciativas de cara ao futuro (novas tecnoloxías, interveción no castro do Castrelado, recollida de microtoponimia, propostas de mellora do espazo das adegas…).