Este é un dos balcóns sobre os canóns do Sil. Dende aquí podemos outear a Ribeira Sacra. Dun lado encontramos os altos tesos do Courel cantados por Uxío Novoneyra, distinguindo con claridade o Pía Paxaro, e a depresión que se forma até Quiroga. De fronte temos Torbeo, onde antiguamente houbo un destacado mosteiro de intensa vida intelectual e do cal queda a igrexa románica. E do lado dereito, continuando o curso do Sil, divisamos Barxa, intuímos a lingua de terra na altura da Covela e ao lonxe Trives e Castro Caldelas.
Baixo os nosos pés temos a ribeira do Val do Frade e de Lagares. As vistas dende este miradoiro son un privilexio que a veciñanza de Vilachá comparte. Ademais conta con mesas e bancos onde acougar, ler ou gozar dunha merenda.
Dende este sitio é frecuente sentir o silencio da Ribeira Sacra. Un silenco só interrompido polo son do traballo humano nas cepas. O monte autóctono está ateigado de castiñeiros, concheiros e carballos. A flora é un espectáculo onde recrear a vista polas cores e formas que toman as flores. No aire adoita visitarnos o miñato ou a aguia.
Se deixamos o souto do Morales a man esquerda, e baixamos a ladeira da Capela, encontraremos un humilde lugar convertido, grazas á fe popular, nun punto relixioso. Referímonos á chamada capela conformada por tres penedos que, de maneira natural, recrean un triángulo afondado do cal nace, como por maxia, un alentisco. Aquí era o lugar onde se veneraba o San Marcos e se facía a procesión na súa honra.
A xente fala que denantes existía un capela que aínda hoxe se mantén agochada nalgures. Pro o San Marcos fora trasladado á Eirexa, onde está o templo parroquial. E alí comparte espazo co San Mamede. Durante anos os dous santos rivalizaron para protagonizar as festas patronais. A veciñanza de Vilachá adoitaba celebrar o San Marcos, o 25 de abril. E o santo, incómodo na Eirexa, decidía fuxir de novo até A Capela para reencontrarse co seu espazo orixinario. A solución para impedir aquelas marchas foi situar as cinsas do San Marcos canda as do San Mamede baixo o altar da igrexa de Vilachá. Hai uns anos, coas obras de restauración, comprobouse que alí seguían as dúas bolsiñas que gardan os restos dos santos.
A carón desta creanza relixiosa xorde unha lenda popular. Trátase do aláparo, un ser grotesco, un monstro de enormes dimensións, cunha soa perna e dun só ollo que andaba polos montes de Vilachá, conforme nos describen as lembranzas dos veciños e veciñas de Vilachá. Cóntase que o aláparo secuestraba aquelas nenas que se alonxaban das casas. Retidas na súa cova, situada na ladeira da Capela, sometía a terribles castigos. Din que un día a veciñanza de Vilachá decidiu enfrontarse ao aláparo e que, tras matalo, o enterraran nun campazo que botaba xuncas preto do Carballo da Chá.