A roda que sostén o cruceiro da Eirexa veu de Barxa. En realidade, trátase dunha moa dun antigo muíño que había naquela aldea, á beira mesmo do Sil e hoxe abandonada. Aínda se lembra en Vilachá de Salvadur o nome de Ricardo, o último barqueiro de Barxa, que casara cunha veciña desta parroquia.
En Vilachá consérvanse dous muíños. Un deles, de auga levada, está situado no camiño ao Eivedo, aproveitando a baixada do regueiro de Trasmonte. A auga viña por unha canle de pedra que descendía dende o alto á roda do muíño. Alí preto tamén hai unha pequena poza onde os cativos de Vilachá se ían bañar, cando non baixaban pescar ou nadar ao Sil, ou que empregaban as mulleres para ir limpar as tripas no tempo da matanza.
No Catastro de Ensenada, un documento de 1752, cítanse precisamente dous muíños no mesmo regueiro de Trasmonte. Estes dous, cremos, son os mesmos que existen hoxe en día.
O interior do muíño do Eivedo está á espera de rehabilitación malia conservarse varias partes (moa, roda, touzo…) en bo estado. Aló quedaron as noites de muiñada, as baixadas cos burros carregados de centeo para a molienda.
Por riba do muíño encontramos unha alvariza. E pouco máis abaixo, camiño da ribeira do Eivedo, atopamos outra de gran tamaño. Estas construcións (hainas nas tres ribeiras de Vilachá, xa en desuso) fixéronse para protexer a produción do mel nas colmeas.
Teñen forma circular e ovalada, como é frecuente en toda Galicia, situadas en zonas pendentes. Os muros, de cachotería, alcanza alturas de 2 ou 3 metros. Son un elemento da arquitectura tradicional galega en pedra seca. A técnica da pedra seca, tamén presente nos muíños ou nos pataos das ribeiras de Vilachá, foi recoñecida como patrimonio inmaterial da humanidade pola UNESCO no ano 2018.
Na comarca do Courel existen varios exemplos destas edificacións. A principal función era desalentar o oso das súas intencións alimentarias. Por iso, estas alvarizas están vencelladas a este motivo xa que en tempos pasados o oso chegaba até os montes de Vilachá e, por tanto, á propia Ribeira Sacra. Aínda existe un topónimo que fai referencia á presenza deste animal: O Pozo do Oso, situado no camiño vello cara ao Val do Frade.
O mel debeu ser unha das actividades principais da comunidade de Vilachá. No Catastro de 1752, no apartado dedicado á economía e á explotación da terra, fálase de 329 colmeas. Hoxe, felizmente, a produción apícola mantense.