historia-banner

A crenza popular sostén que as adegas de Vilachá de Salvadur son milenarias. A investigación, pola contra, considera que as actuais construcións da Abelaira son adegas medievais do século XV-XVII que foron reconstruídas sobre outras anteriores.

En todo caso, as adegas están relacionadas coa explotación da uva nas tres ribeiras de Vilachá. A plantación das primeiras cepas comeza co asentamento de comunidades relixiosas na Ribeira Sacra. A documentación, que nos retrotrae até o século IX-X, describe o aforamento de propiedades no Eivedo, Val do Frade e Lagares para a produción da uva e do viño.

No século XII, un documento asinado polo rei Afonso II (o máis antigo dos conservados no arquivo notarial do mosteiro de Montederramo) establece a doazón das terras de Vilachá, Lupián, Trasmonte e o Fuluxento ao clérigo Pelagio Bermúdez. Unha doazón realizada polo rei por indicación do poderoso Conde Fernando Pérez de Traba.

Durante dous anos (2019-2020), levouse adiante unha excavación realizada nos Conventos (Val do Frade), promovida pola Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur e o Concello da Pobra do Brollón. Este proxecto puxo en valor os restos da granxa medieval de Piñeira. Unha construción que servía para o traballo das cepas, control do traballo e cobro dos foros por parte do mosteiro de Montederramo, propietario das ribeiras do Eivedo e do Val do Frade. Pola súa parte, as cepas de Lagares estaban en mans do mosteiro monfortino de San Vicente do Pino.

 

 

As adegas construíronse á beira do regueiro de Vilachá conforme a importante produción vitícola desta rexión. A documentación tamén nos indica que as viñas eran traballadas por veciños e veciñas de Vilachá, que tiñan aforadas algunhas delas. Pero tamén viñan persoas doutros lugares fóra da nosa parroquia. A conservación destes contratos entre o mosteiro e os labregos permítenos saber o nome e o lugar de residencia: Martiño de Guariz, Xoán de Cobos, Roi Gómez da Pobra do Brollón, Afonso de Rubín, Roi da Peciña, Domingo Vidal de Froxende, Xan de Barxa, Ares Fernández de Vilamarín, Pedro Ares de Liñares ou Xoán Afonso de Gándaras.

Tamén son varias as mulleres que asinan os foros (seguramente por ausencia do home que marchaba ás guerras): Leonor de Cereixa, Tareixa Eanes de Rozavales, Tareixa Yáñez de Vilachá, Einés de Salcedo… 

Todos eles tiñan obriga de cumprir co foro ou contrato asinado co mosteiro. Os acordos podían ser a entrega dunha cantidade estipulada de pitas, pan, castaña… No referente á uva, os foros advertían que os campesiños tiñan que atender «o mordomo cando vos for tirar o viño do lagar como é uso e costume da Ribeira«.

 

Así foron pasando os séculos que converteron os viñedos, a uva e o viño, no principal recurso económico da parroquia. Nun documento conservado no Arquivo Histórico Nacional, conforme ao estudo realizado por Rosa María Guntiñas Rodríguez (“Las bodegas y lagares de S. Mamed de Vilachá a la luz del Catastro de Ensenada”), especifícase que en 1582 existía un ventero colocado polo mosteiro e encargado da venda do viño.

Dende tempos antergos, Vilachá foi un punto de paso dos camiños que viñan de Quiroga e Castro Caldelas en dirección Monforte de Lemos, tendo o seu paso no Sil pola zona da Covela e Barxa. Un camiño utilizado, dende o século XII, como Camiño a Santiago de Compostela como demostra a documentación medieval conservada nos arquivos da Catedral de Santiago de Compostela e dos Altos Pirineos (Roncesvalles-Sur de Francia).

No Catastro de Ensenada (século XVIII) atopamos unha información detallada sobre a explotación das viñas e a propiedade dos numerosos lagares. Resulta rechamante que practicamente todo seguía igual logo de centos de anos: a ribeira de Lagares (composta polos lugares de Río das Fontes, Barco e Rubiá) eran propiedade do mosteiro de San Vicente do Pino mentres que as ribeiras do Val do Frade e O Eivedo (compostas polos lugares da Salamanca, Piñeira, Faba e Capelán) seguían a pertencer ao mosteiro de Montederramo.

Os dous mosteiros citados preocupáronse do coidado e produción das cepas durante longos séculos, até que no século XIX-XX pasaron, moi devagar, a ser propiedade dos veciños e veciñas de Vilachá.

En 1996 comezara a primeira fase de restauración das adegas, grazas a unha axuda dos fondos do plan Leader. A intervención durou varios anos pero o resultado foi óptimo. Hoxe en día está rexistradas 42 adegas en propiedade de particulares. Moitas delas continúan dedicadas ás tarefas vitícolas. Outras son espazos de lecer privado. E cando chega a Feira de Viño ábrense de par en par para recibir a visitantes e consumidores do viño da Ribeira Sacra.

O conxunto da Abelaira foi declarado lugar de Interese Turístico, polo seu valor etnolóxico, e Ben de Interese Cultural. Toda a Ribeira Sacra foi declarada Ben de Interese Cultural conforme aprobou a Xunta de Galicia no ano 2018. Esta decisión foi outro paso para presentar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Humanidade ante a UNESCO.

As 42 adegas son, no presente, unha riqueza coidada por homes e mulleres vencellados a esta terra. Son quen se encargan de que as adegas, se non son xa milenarias, cando menos cheguen algún día a selo.

IMG_20200606_143819