camino-banner

Camiño de Santiago. Camiño de Inverno

O chamado Camiño de Inverno ou Camiño Sur foi recoñecido oficialmente polo Parlamento de Galicia mediante a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (art. 73). Porén, o seu trazado aínda non está oficializado. Polo tanto, o actual trazado que se difunde dende Xacobeo é provisional.

Dende a Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur propuxémonos contribuír ao debate sobre o rigo da delimitación do camiño histórico. Fomos recompilando información de aquí e acolá, documentación histórica e visita aos lugares, para presentar en xuño de 2020 un informe técnico ante a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, encargada de avaliar cada proposta.

No ano 2020 os plenos dos concellos de Ribas de Sil, A Pobra do Brollón e Monforte de Lemos aprobaron unha moción impulsada pola nosa asociación de apoio a este trazado histórico do Camiño de Inverno. No seguinte ano, foi o Pleno da Deputación de Lugo quen aprobou idéntica moción. Pero vaiamos por partes.

A recuperación do Camiño de Inverno

A validación do Camiño de Inverno foi o resultado dun traballo iniciado en 1999. Daquela  o Concello de Monforte de Lemos expuxo ante a Xunta de Galicia o recoñecemento do entón chamado Camiño do Sur e que, posteriormente, foi renomeado coma Camiño de Inverno.  A iniciativa partiu da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra (constituída precisamente en 1999).

Presentouse ante a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia o Informe sobre o Camiño Sur a Santiago pola provincia de Lugo elaborado por Elisa Ferreira, Ramón Izquierdo, Juan Balboa e Juan Carlos Fernández Pulpeiro. Este texto describe o trazado do Camiño de Inverno, o seu estado de conservación (na altura de 1999), fundamentos documentais e monumentos existentes.

No ano 2006 a Xunta de Galicia inicia os estudos para o recoñecemento da ruta, coa perspectiva de que se puidese presentar o trazado para o Xacobeo 2010. Pero non deu tempo. Por esta razón, sería en 2016 cando se inclúa o Camiño de Inverno na lei citada no inicio. Mais, como deixamos anotado, o trazado que se presenta na actualidade é provisional e non está oficializado.

A nosa proposta de trazado histórico do Camiño de Inverno

O Camiño de Inverno existiu historicamente coma unha variante ou alternativa ao Camiño Francés. O motivo foron as dificultades climatolóxicas (sobre todo nevaradas) como documentou o colectivo da Asociación Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras. Así o recolle tamén o propio Xacobeo como se observa neste anuncio oficial:

camino-3
camino-1

Os estudos previos (como o citado de 1999) determinan que o camiño histórico de inverno era parcialmente distinto ao actual percorrido. Este feito foi recoñecido pola propia Asociación de Amigos do Camiño a Santiago pola Ribeira Sacra, a Xunta de Galicia e os concellos de Monforte de Lemos e de Ribas de Sil.

Na nota de prensa enviada os medios de comunicación, La Voz de Galicia (4-XII-2016) publica: “Se modificó el trazado de la ruta en los municipios de Ribas de Sil y A Pobra do Brollón, ante la imposibilidad de sortear la barrera natural que supone el Sil entre Torbeo y Vilachá de Salvadur”. Por tanto, aceptouse dende o inicio que o camiño viña por este percorrido. O único atranco era establecer un pase no Sil.

Na mesma nova infórmase que a Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra fixo xestións “por mantener la ruta original en el tramo entre Torbeo (Ribas de Sil) y Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón). Tenía especial interés en conservarla por la espectacularidad del paisaje en esa ribera del Sil, el patrimonio natural y etnográfico que atesora”.

Actualmente, o trazado divulgado nesta etapa do Camiño de Inverno é o seguinte: Quiroga – Nocedo- Carballo de Lor – Castroncelos – A Pobra do Brollón – Reigada -Monforte de Lemos. Polo tanto, atravesa polo interior, sen adentrarse nin tan sequera observar os Canóns do Sil nin o espazo estrito da Ribeira Sacra onde se desprega unha poderosa natureza autóctona en convivencia coas zonas vitivinícolas de recoñecido prestixio.

Pola contra, a nosa proposta de trazado histórico (documentada máis adiante) establece este itinerario: Quiroga – San Clodio – Torbeo – A Covela – Barxa – Vilachá de Salvadur – Rozavales -Santa Mariña -Monforte de Lemos. A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo divulgara a seguinte ruta, a partir do informe de 1999 presentado ante a Xunta de Galicia. Reproducimos a fotografía onde se sinaliza en azul o tramo do camiño dende Vilachá a Monforte:

camino-2

Este trazado baséase nos estudos da profesora Elisa Ferreira que se recollen no volume Los caminos medievales de Galicia (1988). Este dato, que ratifica a existencia histórica deste camiño dende a época medieval, refórzase coa existencia actual dun topónimo á saída de Monforte de Lemos camiño de Vilachá que se denomina “Camiño Real”.

Neste sentido, debemos engadir como resultado da nosa investigación dous apuntamentos históricos que, ademais do referido informe preceptivo realizado en 1999, certifican a historicidade deste trazado.

Argumentos históricos

Por un lado, no Tomo B, folio 160 da Catedral de Santiago de Compostela, recóllese a concesión outorgada polo rei Afonso VIII (Afonso IX para a historiografía española)  pola cal ordena a construcción dun hospital en Rozavales. O documento está asinado o 17 de abri de 1193 no Pino (antigo nome de Monforte de Lemos antes da súa modificación). Polo tanto, a cronoloxía coincide coa expansión e a tradición xacobea (o Códice Calixtino é de metade do século XII). Este hospital mandouse facer como auxilio aos peregrinos, como pasou noutros lugares coma o Hospital de Montouto (A Fonsagrada), por onde pasa o Camiño Primitivo e que foi mandado construír na metade do século XIV polo rei Pedro I.

Polo outro lado, a segunda hipótese que presentamos está vencellada a anterior. Rozavales (Monforte de Lemos) é un topónimo unido a Roncesvalles. Este lugar é onde o emperador Carlo Magno inicia o camiño a Santiago tras a aparición do Apóstolo, segundo nos conta o Libro IV do Códice Calixtino. O relevante filólogo Dámaso Alonso, considera que Rozavales é “un galicismo difundido por la fuerza de la Chanson de Roland y las peregrinaciones” (vid. “La primitiva épica francesa a la luz de una Nota Emilianense”, en Revista de Filología Española, 1973). Co cal, a existencia deste topónimo nun dos tramos do histórico Camiño de Inverno reforzan a importancia do lugar e, sen dúbida, acreditan que este era o trazado orixinal.

Efectivamente, o topónimo de Rozavales débese a Roncesvalles. Pro ademais, está vinculado á chamada Orde de Roncesvalles, unha orde militar impulsada polo arcebispo de Pamplona que xurdiu no século XII con funcións hospitalarias. Por iso o rei Afonso IX ordena construír o hospital de Rozavales como auxilio aos peregrinos do Camiño de Inverno.

Ademais, un escrito de 1573 documenta a presenza da Encomenda da Barra (Orde Militar de Santiago). É sabido que esta orde, creada entre 1151 e 1175, tiña posesións en distintas zonas da actual provincia de Lugo (Courel ou Cospeito) e na provincia de Ourense (Vilar de Santos ou Codesedo).

Conforme ao estudo realizado polo profesor Gonzalo Navaza (“A intervención rexia na toponimia galega medieval. Os nomes de Afonso IX” publicado en Guavira Letras, 2017) explica que o outro topónimo existente en toda Galicia que recibe o nome de Rozavales se atopa en Maceda de Trives (Manzaneda de Trives, na forma oficial). Este nome débese a que estas terras da montaña de Trives eran propiedade da confraría do Hospital de Rozavales de Lemos.

Grazas á información recibida dende Francia, por cortesía de Bertrand de Saint-Macary (presidente da Association des Amis des Chemins de Saint-Jacques en Pyrénéés Atlantiques), sóubose que a igrexa de Rozavales pertencera dende a súa fundación até o 10 de xullo de 1246 á abadía de Santa María de Roncesvalles. Nesa data pasaría a formar parte da Catedral de Santiago de Compostela. Unha propiedade que evidencia a relación directa co Xacobeo.

Por último, a actual igrexa de Santa María de Rozavales (Monforte de Lemos) presenta unha planta en cruz grega, unha xanela prerrománica e uns arcos de medio punto que testemuñan a súa orixe no primeiro románico ou período altomedieval galego. Así o indica o Inventario artísticos de Lugo y su provincia (Tomo V, p. 434) e así se pode comprobar aínda hoxe no interior, sendo esta igrexa unha descoñecida do patrimonio románico e cultural da comarca de Lemos.

Resulta ilustrativo, por tanto, que na propia publicación oficial da Xunta de Galicia dedicada ao Camiño de Inverno (Turismo de Galicia, 2018) a fotografía da cuberta sexa A Covela cando, como indicamos, o camiño actual non pasa por esta zona.

O conxunto etnográfico das Adegas de Vilachá. Estas construcións están vencelladas ao mosteiro de San Vicenzo do Pino (Monforte de Lemos), que explotaba as viñas da ribeira de Lagares. Pola súa parte, as viñas da ribeira do Val do Frade e Trasmonte foron explotadas polo mosteiro de Montederramo.

No lugar de Piñeira, coñecido como os Conventos (Val do Frade) documéntase no século X unha comunidade eremita que se reconverteu no XII nunha granxa medieval dependente do mosteiro de Montederramo. Neste espazo é onde se desenvolve o proxecto arqueolóxico “Adegas da Memoria” impulsado pola Asociación de Veciños/as de Vilachá e o Concello da Pobra do Brollón.