Na Ribeira Sacra hai varias feiras do viño ao longo do ano. A de Vilachá de Salvadur é singular por ser a única que se celebra dentro das propias adegas. E, ademais, son unhas adegas de orixe medieval, únicas en toda a península, construídas a carón do regueiro de Vilachá e á sombra de vellas árbores, dende pradairos até carballos.
Por iniciativa dos propios veciños (de entre os cales debemos citar a Xila Vázquez e Raimundo Díaz), comezou a Cata do Viño no ano 1991. Daquela as adegas aínda non estaban rehabilitadas, actuación que se levou a cabo a partir de 1996, e os poucos adegueiros que iniciaron esta travesía eran todos artesanais. Polo tanto, esta é unha feira de orixe totalmente veciñal como resultado do esforzo popular.
Co paso dos anos aumentou o número de adegas que ofrecían os seus caldos. De media, despois de tantas edicións, son arredor de dez produtores quen ofrecen a súa colleita. Agora a oferta mestura tanto o viño de casa con aqueloutro acollido ao Consello Regulador da Ribeira Sacra.
A produción vitícola de Vilachá está integrada na denominación Ribeira Sacra, subzona Quiroga-Bibei. A variedade de uva máis frecuente é amandi. Tamén se traballa a garnacha ou godello, entre outras de menor presenza.
Durante todos estes anos os adegueiros de Vilachá ofreceron os seus caldos. A feira celébrase na primeira fin de semana do mes de maio. O sábado é o día dos concertos e o domingo o do pregón e as rondallas. De súpeto toda a Abelaira convértese nunha extraordinaria romaría con polvo á feira, gaitas, cantigas e viño. O ambiente familiar, de cercanía, distingue a feira.