roteiros-banner

A Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur traballa na recuperación de varios sendeiros pola parroquia. Ademais, como asociación, ofrecémonos para organizar roteiros polo lugar, visitas guiadas ás adegas ou catas de produtos.

ROTEIRO CIRCULAR ADEGAS-MIRADOIRO DA CAPELA-CASTRELADO

Unha proposta para coñecer a parroquia de Vilachá de Salvadur é realizar este breve roteiro de dificultade baixa, de apenas 8 km que se realizan en 2 horas. Este sendeiro permítenos visitar os puntos de maior interese patrimonial: o castro do Castreladao, a mámoa da Portela ou as adegas milenarias.

A carón destes elementos históricos tamén poderás contemplar vistas panorámicas sobre a Ribeira Sacra (miradoiro da Portela e da Capela) e convivir coa natureza entre carballos, castiñeiros, sobreiras… e, segundo a época, flores coma as papoulas, verbascos, herba moura… e animais diversos que se deixan ver coma o raposo, aguia, corzo… 

Sen dúbida, un paseo agradable que ten o seu broche final brindando nas adegas con viño de Vilachá de Salvadur.

Para saber  máis sobre este roteiro podedes descargar a seguinte información (cun mapa e un texto explicativo) pinchando sobre a seguinte icona: 

Na actualidade hai tres liñas de traballo:

A primeira, que xa conta con sinalización, é o coidado, divulgación e posta en valor do tramo do Camiño de Inverno. Trátase dun sendeiro cunhas formidables paisaxes da Ribeira Sacra. Situámonos na aldea abandonada de Barxa, zona por onde viven cabalos ceibos únicos en toda a Ribeira Sacra. O camiño, sempre á beira do río con zonas onde poder refrescarse e unhas panorámicas excepcionais, cruza dúas pontes sobre os regueiros das Abelairas e da Olmeira. Despois comeza a subida a Vilachá até a Pedriñeira, que rexistra no lugar un dolmen moi deteriorado. Un pouco despois xa se chegaría ao cruce que vai ao miradoiro da Capela ou directos á aldea de Vilachá, dende onde se baixa ás adegas medievais.

memoria-1
memoria-3
memoria-2

A segunda liña é un roteiro circular. Nesta opción percórrense lugares de especial interese histórico. Por un lado, temos o castro do Castrelado que posúe unha dimensión de 6.500 m2. Conserva dúas murallas defensivas, en moi bo estado, que integran na cara norte os propios penedos da montaña como unha continuidade da muralla. Tamén son recoñecibles varios foxos. Dende aquí hai unhas vistas a todo o Val de Lemos e ás terras montañesas de Lugo, dende Ancares ao Courel. A baixada do castro lévanos até as adegas de Vilachá, declaradas Ben de Interese Cultural e incluídas na candidatura da Ribeira Sacra para Patrimonio da Humanidade.  O sendeiro continúa cruzando a aldea de Vilachá para adentrarse en zonas de lameiros labrados, soutos e carballeiras até chegar a Salgueiros.

A terceira liña diríxese a coñecer de preto as ribeiras de Vilachá. Esta ruta incluiría unha visita ás zonas de traballo nas ribeiras do Val do Frade e do Eivedo. O paseo atravesaría a aldea de Trasmonte. Pouco máis adiante, na altura do regueiro, atópase o vello muíño de auga levada e varias alvarizas, posto que Vilachá foi un lugar de importante produción de mel que resultaba atractivo para o oso que, entón, se achega a estas terras dende O Courel.

Como complemento para calquera destes roteiros, podes descargarte este manual da flora de Vilachá de Salvadur, con fotografías para recoñecelas e datos para saber delas.