banner-castro

O pasado celta. O Castrelao

O máis notable patrimonio arqueolóxico de Vilachá de Salvadur atópase entre a serra dos Penedos e a de Salvadur. A 763 metros sobre do mar, facendo linde entre os concellos de Monforte de Lemos e A Pobra do Brollón, encontramos un lugar chamado O Castrelado. O propio topónimo adiántanos a existencia dun castro. Hai outro nomes: O Castro, Fontacastro ou Sucastro.

Os extensos piñerais que cobren o monte ocultan un recinto castrexo de amplas dimensións. No ano 2018, por iniciativa da Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur, encargouse un estudo para unha posterior limpeza da zona do castro. Este traballo, asinado polo arqueólogo Iván Álvarez, afirma que a día de hoxe se conservan en boas condicións dúas murallas de planta oval, que empregan os propios penedos naturais como parte integrada da estrutura defensiva, e varios foxos. En total, a superficie acada os 6.500m2. En canto á adscrición temporal, o estudo sitúao na Idade do Ferro.

Ademais, nas penas de Santa Lucía (parroquia de Rozavales) encontramos outro castro de menor magnitude, coñecido como o Castro das Mouras. A muralla defensiva é tamén perceptible e atópase en bo estado.

Os castros foron habitados durante séculos, antes e despois da ocupación romana. Nada sabemos, por agora, das vivencias do Castrelado que agarda por un estudo pormenorizado e un plan para a súa recuperación. Pola súa dimensión, aventúrase que contou cun importante número de habitantes.

Vista do Castrelado no voo americano de 1956

Na metade do século XX as xentes de Vilachá subiron até o Castrelado para apañar as pedras que logo foron reutilizadas para facer partes dos pataos e das paredes das viñas. O descoñecemento do valor patrimonial, unido á necesidade de conseguir material xa listo para o seu uso nun tempo de penurias económicas, explican este proceder. Pola contra, as murallas castrexas están practicamente completas, sendo as construcións interiores as máis afectadas.

A crenza popular sitúa no Castrelado os mouros. A relación entre os castros e estes seres mitolóxicos está estendida por toda Galicia. No caso do Castrelado a xente aínda lembra o conto de Sabeliña. Esta era unha rapaza que fora enganada por unha moura. Levouna consigo até o Castrelado. Cando a xente de Vilachá saíu na súa procura oíase dicir á moura: “Non hai sabeliña / nin hai Sabelón / que se está cocendo / no meu caldeirón”.

Para ter máis información sobre o castro do Castrelao, en formato pdf e imprimible, podes descargar o seguinte díptico realizado pola nosa asociación pinchando na seguinte  imaxe: