Nalgunha hora as persoas que residían nesta terra comezaron a asentarse en pequenos barretes ou aldeas. Na época dos suevos, o primeiro reino constituído no occidente europeo, decidiuse organizar Galicia en parroquias. Aquela división, recollida no manuscrito Parrochiale suevum (século VI), foi a base da estrutura administrativa e eclesiástica galegas.
A partir deste documento, Galicia (que daquela comprendía tamén o norte de Portugal) delimitou trece dioceses e fixou máis dun cento de parroquias. Vilachá de Salvadur integraríase probablemente na diocese de Lugo dentro da parroquia de Lemos (ou “Seuios”).
O paso dos séculos fixou o nome de San Mamede de Vilachá (aínda que a veciñanza segue a falar de Vilachá de Salvadur) e delimitou o territorio en catro barretes: A Eirexa, Vilachá, Abelaira e Trasmonte. Todos teñen nomes de doada interpretación. Outros gardan segredos.
O topónimo Salvadur (aldea da parroquia de Rozavales) aparece citado nun texto do ano 572 recollido no Liber fidei, un cartulario medieval da catedral de Braga que, en palabras do eminente catedrático Avelino de Jesus da Costa, é un “dos maiores e máis importantes de Europa”. Salvadur tamén volve aparecer nun documento sobre a división territorial conservado na Catedral de Lugo e datado, igualmente, no século VI.
Pola súa parte, a propia forma Salvadur (e non Salvador, como sería a súa evolución habitual) indica que este topónimo se conformou nos inicios da romanización. Resulta unha curiosidade filolóxica en Galicia e proba a antigüidade desta terra.
O 12 de novembro de 1752 chegaron a Vilachá os encargados de recoller os datos para o Catastro de Ensenada. En representación da parroquia estaba Juan Díaz, “hombre bueno”.
Aquí temos unha descrición completa da realidade de Vilachá: terras dedicadas a labradío (trigo, nabos, centeo, coias…), viñedo (o elemento máis rendible), soutos ou monte comunal. A cerdeira, mazaira e concheiros ofrecían os seus froitos en boas cantidades, coma na actualidade. Pro todas as terras eran aforadas polos mosteiros de Montederramo e por San Vicente do Pino, de Monforte de Lemos. En canto aos animais, había cría de gado vacún, lanar e porcino. É interesante citar a existencia dunha taberna (rexentada por José Prieto) e dun estanco (a cargo de Francisco Casanova).
A parroquia era das máis densas da contorna en comparación con Rozavales ou Liñares, que delimitan con ela. Durante centos de anos traballáronse estas leiras facendo fronte á miseria. Comíase o que se cultivaba: patacas, castañas, pan de centeo… O caldo tomábase varias veces o día. O leite das vacas ou a carne dos años eran parte do sustento, aínda que non todas as casas tiñan gado. Houbo familias que pedían prestado o forno ou durmían en chouzas dun só cuarto con pedras mal postas polas que atravesaba o frío ou vivían da caridade veciñal.
Polo entroido había un anaco de lecer. Os homes, disfrazados de farrumecos, saían os camiños para pintar con cinsa e tizóns os rostros dos veciños. As nenas disfrazábanse de “señoritas” e eran protexidas polos farrumecos, armados de varas cun trapo na punta mollado en bulleiro, cando os nenos se lles achegaban para facer trasnadas.
A comunidade creou o seu propio espazo de vida onde había muíños, fraguas, fiandóns, carpinterías, teares… Os canteiros de Cuntis chegaban até aquí para construír as casas. Os afiadores de Pereiro de Aguiar pasaban para ofrecer os seus servizos. Viñan capadores e matóns, costureiras e tratantes. As mulleres lavaban a roupa en lavadoiros naturais como nas Lamas ou en Subelados. Baixábase ás principais feiras, que eran a de Monforte de Lemos e a do Castro Caldelas, para facer o trato e tomar o polbo. Daquela había dinamismo nas ruelas de Vilachá. Os campos estaban labrados e o monte forestal ocupaba pouca superficie.
A inicios do XX construíuse unha escoliña con dúas aulas: unha para pequenos e outra para pequenas. Había poucas oportunidades para aprender letras e números porque as tarefas agrícolas obrigaban a colaborar na casa. Ás noitadas tamén houbo aulas para adultos impartidas por un dos últimos mestres, Juan Abramo Dios, fusilado o 3 de setembro de 1936 na estrada de Quiroga. Del quedaron as pereiras plantadas en Trasmonte, no lugar propiedade da Libertaria, que o mestre trouxera de Tomiño onde o seu pai tiña un viveiro.
O número de habitantes decaeu de maneira drástica dende a segunda metade do século XX. A emigración, primeiro a América, despois a Europa e máis tarde a outros lugares da península (Madrid, Euskadi e Cataluña), deixan hoxe unha parroquia con apenas 30 persoas. Pola contra, son moitas as familias que manteñen Vilachá como segunda residencia e volven acó en canto teñen oportunidade.
O patrón da parroquia é San Mamede. As festas celébranse no mes de agosto. Pola contra, durante moito tempo celebráronse no día de San Marcos, polo mes de abril. A tradición oral conta que a figura do San Marcos estaba no desaparecido santuario situado preto do miradoiro da Capela (velaí a razón do nome). Cando o levaron á Eirexa, onde está a actual igrexa parroquial, o San Marcos fuxía de novo para a Capela. Até que se procurou a forma de suxeitalo. Hai poucos anos, durante as obras de arranxo da igrexa de Vilachá, ao erguer o altar atoparon dous saquiños con cinsa humana dentro. O saber popular determinou que eran os restos do San Mamede e do San Marcos. Ao rematar as obras, volveron colocar as dúas bolsiñas baixo o altar para asegurar que o San Marcos non volvía escapar.