No libro de Elisa Ferreira, Los caminos medievales de Galicia (1988), aparece rexistrado un camiño que saía de Monforte de Lemos e subía, pasando por Santa Mariña do Monte e Rozavales, até Vilachá de Salvadur. A ruta posterior continuaba pola baixada até Barxa, onde se cruzaba o Sil en barca ou batuxos, subíase até Torbeo onde se bifurcaba cara a Quiroga ou cara ao Castro Caldelas.

En Torbeo houbo un mosteiro de activa vida cultural e intelectual entre os séculos XII e XVI. A día de hoxe apenas se conserva a igrexa románica e unha pía bautismal, labrada nunha soa peza de granito, de gran tamaño e valor patrimonial.

Pro fronte a Torbeo, na ribeira de Vilachá, existe un lugar chamado Os Conventos na ribeira coñecida como Val do Frade. Dous topónimos, que de novo, apuntan á existencia dunha comunidade relixiosa.

En 2019 realizouse unha excavación arqueolóxica (inserida no proxecto “Adegas da Memoria”) promovida pola Asociación de Veciños/as de Vilachá e o Concello da Pobra do Brollón. Búscase, así, un suposto mosteiro medieval de nome San Martiño de Piñeira. Ademais, esta excavación ofreceu algúns datos sobre a Ribeira Sacra e da tradición vitícola.

Os resultados, por agora, foron positivos. Atopouse moita cerámica e outros materiais datados no período medieval, así coma unha moeda do reinado de Afonso X O Sabio, autor das Cantigas de Santa María escritas en lingua galega no século XIII. Pro destaca a descuberta dun cráneo e varios ósos que foron datados no século X. A hipótese  é que nos Conventos existiu un eremitorio regulado pola regra de San Frutuoso.

conventos

Un documento datado o 15 de marzo de 1124 sinala que o rei Afonso VII doaba, a petición do poderoso Conde Fernando Pérez de Traba, varias propiedades ao presbítero Paio Bermúdez: “quomodo diuiduntur cum Uillaplana et cum ambas mestas per riuulum Ferruginentum, per aquam de Sile quomodo diuidit Agares et inde ubi incoauit cum Uillaplana” (“tal como divide con Vilachá e con Augasmestas polo regato do Fuluxento e polo río Sil que o separa de Lagares e dende alí até onde comezou con Vilachá”). Neste lugar fixeron couto

Ademais tamén se incluían plantacións de oliveiras, augas, muíños e outras propiedades comprendidas entre o río Lor e o Sil. Nada se fala do misterioso mosteiro de San Martiño de Piñeira que forma parte máis da fantasía e maxia deste lugar que da realidade histórica documentada.

A mediados do século XIII o mosteiro de Montederramo situou no Val do Frade (no lugar hoxe coñecido coma os Conventos e Piñeira) a granxa que se encargaba do control do traballo nas viñas e do cobro dos foros. A figura responsable recibía o nome de «ouvenzal». Aquí é onde se supón que estaba o eremitorio. Os restos das muradellas que se excavaron en dúas campañas (2019 e 2020) pertencían a esta granxa.

Os monxes de Montederramo fixéronse co mando destas propiedades, das terras e dos cultivos da xente campesiña de Vilachá de Salvadur.  Pro tamén o mosteiro de San Vicente do Pino, de Monforte de Lemos, exercía o seu poderío e retiña as súas propiedades na ribeira de Lagares.

Durante séculos, as viñas da parroquia de Vilachá de Salvadur estiveron rexidas por ambos mosteiros. No Catastro de Ensenada indícase que a maioría das adegas existente en 1752 eran propiedade de San Vicente do Pino. Todas elas eran aforadas, polas cales os donos pagaba unha renda que ía dos 3 reais (a máis barata) até o 22 reais (a máis cara).

Os lagares estaban máis repartidos pero San Vicente do Pino era propietario de todas as rexistradas na ribeira de Lagares, mentres que Montederramo asume a propiedade das situadas no Val do Frade e no Eivedo

O proceso de desamortización de Mendizábal en 1836 e a posterior de Madoz en 1855 supuxeron a fin da explotación monástica das terras e viño de Vilachá de Salvadur. Esta decisión do Goberno liberal -progresista posibilitaría o acceso á propiedade de novos usuarios. E, co paso do tempo e a explotación continuada de determinadas viñas por parte da mesma familia, derivou na propiedade das terras da ribeira en mans campesiñas e labregas.

Este espazo da Ribeira Sacra é habitado e traballado dende, cando menos, o século IX-X. Aquí está a orixe da plantación das viñas (nada teñen que ver os romanos, como se ten afirmado, sobre a tradída da uva e do viño a esta bisbarra).

Toda esa tradición e saberes chegaron deica os presentes propietarios de viñas e adegas. Grazas ás melloras introducidas pola tecnoloxía, que facilitaron o traballo manual, hoxe en Vilachá de Salvadur hai familias con adegas profesionais e outras artesanais. Ambas custodian un pasado único.

 

As fotos son de Guillermo Sotelo e Manuel Antonio Franco.