A Xunta de Galicia declarou en 2018 Ben de Interese Cultural, na categoría de paisaxe cultural, a Ribeira Sacra. Ao seguinte ano, o Consejo del Patrimonio Histórico Español incluíuna como candidata á Lista do Patrimonio Mundial.
A Ribeira Sacra ten a súa orixe na doazón dunha carballeira sagrada (Revoyra Sacrata, que o padre Yepes reinterpretou como Ribeira Sacra), outorgada pola infanta Tareixa de Portugal en 1124, para a fundación dun mosteiro. Este foi o de Montederramo, que estivo intimamente ligado a Vilachá de Salvadur.
As nosas tres ribeiras estiveron baixo dominio eclesiástico dende a Idade Media até a desamortización do XIX. Dúas das ribeiras (O Eivedo e Val do Frade) eran posesión do mosteiro de Montederramo, da orde do císter. A terceira ribeira (Lagares) era propiedade do mosteiro de San Vicente do Pino, da orde dos bieitos.
No Val do Frade realizáronse excavacións arqueolóxicas no lugar coñecido como Os Conventos, na procura dun misterioso pasado ligado a un eremitorio anterior ao século X. Os restos que se conservan na zona corresponde a unha antiga granxa medieval. Nela o ouvenzal (unha sorte de xerente en representación do mosteiro de Montederramo) encargábase do cobro dos foros, da plantación de viñas e do control da colleita da uva.
Por tanto, Vilachá está unida á orixe da Ribeira Sacra. Tanto como que dúas ribeiras foron plantadas con cepas do mosteiro matriz. Aquí está a orixe do famoso viño de Vilachá de Salvadur.
Documentouse, en distintos papeis medievais, a explotación eclesiásticas das viñas e a venda do viño ao longo de varios séculos. Tras a desamortización, e devagar, as adegas foron pasando a mans dos labregos de Vilachá. Estas «monumentos do viño», conservados á beira dun regato cantareiro que baixa pola Abelaira, son o mellor patrimonio que herdamos e unha mostra incontestable dunha lonxana relación co cultura vitícola.
A candidatura da Ribeira Sacra inclúe estas adegas, declaradas Ben de Interese Cultural e Ben de Interese Turístico. As adegas, onde se celebra cada ano a Feira do Viño de Vilachá, conforman un conxunto de 42 construcións de alto valor etnolóxico. Son a única mostra conservada de adegas medievais, o que supón un engado de interese patrimonial e histórico á candidatura.
Vilachá, coas súas tres ribeiras e as adegas, son un punto de alto interese para a candidatura da Ribeira Sacra conforme os mapas presentados ante a UNESCO. Vilachá de Salvadur é, pois, a estrema polo leste nesta cartografía.
Para máis información, pódese consultar a web: candidaturaribeirasacra.gal