Este vindeiro sábado 30 de xullo, na Casa da Cultura de Sober, desenvolverase unha nova asemblea da Federación de Asociacións da Ribeira Sacra. Un encontro que continuará co proceso de estruturación interno e a posta a punto para o inicio de actividades logo da volta do verán. Entre outros temas crearanse as mesas de traballo, que recollen temas como o rural vivo até o patrimonio e a lingua galega, así como a decisión de participación nos organismos vencellados á Ribeira Sacra somo son o Consorcio de Turismo ou no Consello de Parroquias dedicada á elaboración da candidatura á UNESCO.
Animamos a outras asociacións veciñais e comunidades de montes a integrarse nesta rede colaborativa para unir as voces e termos forza común. Nunha situación de abandono e desatención do rural, como se puido constatar cos incendios do Courel, precisamos unidade e propostas que realmente teñan un impacto no territorio onde habitamos. Nós, dende a nosa asociación, continuaremos colaborando e desexariamos que así fixesen outros colectivos. Aquí ninguén sobra e aquí todo o mundo suma.