Tras as xuntanzas realizadas en Vilachá de Salvadur e Tuiriz o movemento veciñal, cultural e as comunidades de montes avanzamos. Agora tócanos dar un gran paso adiante pois na vindeira reunión, fixada o 11 de xuño no castelo de Castro Caldelas, queremos constituír a Federación. Esta entidade quere unir para termos voz común nos temas que compartimos, que nos afectan a todos por igual, pero sempre dende o lóxico respecto á liberdade de actuación que cada asociación ten no seu territorio.
A Federación pretender coordinar as asociacións, darlle forza na súa voz e ter un interlocutor con suficiente respaldo social para que as administracións atendan ás necesidades que nos son comúns. E cales son estas? A protección, fomento e divulgación do patrimonio (in)material, a presentación de iniciativas e propostas de dinamización sociocultural da Ribeira Sacra, a nosa participación nas mesas de traballo da candidatura á UNESCO ou na mesa de xestión da Rede Natura, atender á especial protección da paisaxe autóctona e as construcións tradicionais, mirar polos servizos públicos mínimos que faciliten a vida nas parroquias, organizar charlas informativas sobre subvencións ou cursos sobre xestión do monte…
En definitiva, para que o movemento asociativo estea conectado e tamén poida intercambiar experiencias. A Federación quere ser un espazo común de encontro e promoción, de debate e propostas, de unidade e iniciativa construtiva para contribuír a que a Ribeira Sacra sexa o lugar que todos queremos que sexa.