A lenda que imos relatar hoxe foi contada por Joaquín Álvarez.

Dende sempre se falou que no castro do Castrelao vivía unha moura. Dicíase que habitaba por túneles e covas que había baixo o castro. O acceso era por un pozo que parecía non ter fondo.

En certa ocasión, unha señora atopou unhas pezas de ouro baixando do Castrelao. Apañounas e baixou cara á Vilachá de Salvadur con elas. Ao pouco unha cadela aparecéuselle polas costas. O animal achegábaselle até trabar nela. A muller, asustada pero negándose a desfacerse do ouro, foi tirándolle algunha peza. A cadela marchaba pero axiña volvía. E volvíase repetir a escena.

Cando xa apenas lle quedaban obxectos de ouro a señora desconfiou se ese sería o seu fin. Entón fixo na terra un círculo cunha cruz. Meteuse dentro e a cadela non pasou até que desistiu para volver Castrelao arriba. Salvárase.

Pero a señora decidiu que o único elemento de ouro que salvara fora entregado á igrexa de Vilachá. Dise que esa peza é o cáliz que se conserva e que está bañado en ouro.