O pasado 31 de outubro colocamos esta placa á entrada do cemiterio de Vilachá de Salvadur. Foi a nosa humilde forma de honrar a memoria dos nosos mortos. Pero tamén quixemos que fose un acto de agradecemento por nos daren a vida, a educación, o saber popular, o traballo da terra e da ribeira, as lendas e as cantigas, as palabras e a lingua galega. De xeración en xeración transmitiuse todo este saber cultural que chega deica nós. Agora somos responsables de que esta cadea da cultura galega en Vilachá de Salvadur continúe nas vindeiras xeracións.

Por iso tamén quixemos que o acto servise para termos máis en conta o noso idioma. No cemiterio só hai unha placa en lingua galega cando o 99% dos enterrados falaron este idioma en vida. É unha decisión que podemos tomar e comunicar aos nosos familiares. Igual que se decide o tipo de ataúde, a necrolóxica na prensa, o testamento… tamén podemos decidir en que idioma seremos lembrados para sempre. Por que se algún día, logo de centos de anos, o cemiterio fose un xacemento arqueolóxico chegarían á conclusións de que en Vilachá só se falaba castelán. E deixaremos perder todo a riqueza cultural que temos: os nomes das árbores, dos paxaros, das plantas, das ferramentas, dos topónimos…

Esta placa, por tanto, quere actuar nesa dupla dirección: honrar e agradecer os nosos defuntos todo o que fixeron por nós e nos deixaron e, tamén, concienciarnos de que a cultura e lingua galegas teñen que seguir vivas nos fillos e netos que veñan tras nosa.