A Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur presentou ante a Xunta de Galicia a candidatura do Carballo da Chá para ser incluído no catálogo de árbores senlleiras de Galicia.

Os argumentos que avalan esta proposta non son tanto a espectaculariedade nin a antigüidade da árbore. Realmente o particular deste Carballo da Chá é o seu vencello á mitoloxía popular dos aláparos posto que neste lugar foi enterrado o aláparo logo de que os veciños de Vilachá lle desen morte. O seu lugar de enterramento, segundo di a tradición popular, é nun sitio onde nacen xuncas (o único, seica, de todo Vilachá) e que está ao carón do Carballo da Chá.

Ademais, a importancia desta árbore tamén radica no propio feito de ser quen de crear un topónimo. O habitual é que haxa topónimos que fagan referencia ao conxunto de árbores ou arbustos (O Souto, O Carballal, O Toxal…) pero o feito de que destaque un só exemplar xa revela a importancia que ten para a comunidade de Vilachá. Hoxe todo o mundo sabe onde está o lugar do Carballo da Chá.

Por último, o carballo sitúase no tramo histórico do Camiño de Inverno a Santiago de Compostela e  xusto no lugar onde se colle o camiño cara ao miradoiro da Capela. Co cal, a súa conservación, divulgación e posta en valor resulta imprescindible ao ser un dos lugares con maior traxecto de persoas.