As adegas medievais, declaradas BIC e integradas na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, son o elemento máis coñecido de Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón).

Neste conxunto etnográfico, único en Galicia, celebramos o primeiro fin de semana de maio a Feira do Viño. Velaquí a paisaxe con todo o seu esplendor e a natureza con toda a súa vida. Andarás pola mámoa da Portela ou o castro do Castrelado. Pisarás un tramo do Camiño de Inverno, datado dende o S. XII, que viña por Vilachá camiño de Rozavales. Trabarás palabra coa boa xente que aquí vive e dá vida á Ribeira Sacra.

Arredor deste espazo xurdiron lendas froito da cultura popular.  Ao  pasar  polo  Carballo  da  Chá  busca  os  xuncos onde os labregos enterraron o aláparo (xigante dun só ollo e coxo) que raptaba as cativas. Ao subir ao castro do Castrelado, cunha muralla e vistas espectaculares, non te deixes engaiolar polas mouras que alí viven e ofrecen ouro. E no miradoiro da Capela pódeste atopar co San Marcos que, segundo din, foxe acotío da igrexa de Vilachá.

 

A  uva  plantárona  aquí  os  monxes  hai  un  milenio  segundo  a documentación histórica. Nos Conventos (Val do Frade) as excavacións arqueolóxicas datan no X o asentamento de comunidades relixiosas. A ribeira de Lagares explotábaa o mosteiro de   San   Vicente   do Pino;   Val   do   Frade  e  O  Eivedo,  o  de Montederramo. Eles construíron e conservaron as adegas até o XIX. Hoxe conservamos 42. O miradoiro da Capela, en referencia ao desaparecido santuario dedicado a San Marcos, é un dos máis famosos da Ribeira Sacra. Situado a 609 m. pódese contemplar  a inmensidade da paisaxe. Hai bancos e mesas onde acougar para retomar forzas. En fronte está Torbeo (Ribas de Sil) e abaixo o río Sil atravesa a terra. Este é un espléndido espazo para deleitarse cun bo viño de Vilachá. A parroquia divídese en varios barretes: A Eirexa, A Abelaira, Trasmonte e Vilachá. Aldeas labregas que compuxeron a súa vida neste espazo vivindo do seu propio traballo. O cultivo da uva foi o máis importante canda a gandeiría. Por aquí cruza o Camiño de Inverno a Santiago de Compostela como constatan os documentos  históricos  e  o  topónimo  Rozavales,  que  é  a  forma galega de Roncesvalles imposta polo rei Afonso IX.

Se che presta seguir as nosas actividades ou queres coñecer unha miga máis esta parroquia da Ribeira Sacra ou se che

presta vistar algunha adega por dentro ou mesmo queres probar un viño ou celebrar algún acto, non dubides en contactar connosco a través das redes sociais (Twitter, Facebook, Instragam) ou ao enderezo electrónico vilachasalvadur@gmail.com. Desexamos que pases unha boa xornada e un feliz roteiro pola nosa terra!

 

 

 

Vilachá de Salvadur, as adegas da Ribeira Sacra!