Durante o pleno municipal do xoves 22 de outubro, someteuse a debate e votación a moción sobre o Camiño de Inverno a Santiago de Compostela. Esta moción foi presentada conxuntamente pola Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur e a Asociación de Veciños de Torbeo.
O texto reclama o apoio oficial do Pleno municipal para levar adiante todas as medidas necesarias para o recoñecemento oficial do Camiño de Inverno ao seu paso por Torbeo, Vilachá de Salvadur, Rozavales e até Monforte de Lemos. A documentación achegada (como o informe técnico presentado pola nosa asociación ante a Xunta de Galicia) e a nova documentación atopada nestas semanas (como a descuberta no arquivo dos Altos Pirineos, en Roncesvalles) foron motivos suficientes para verificar o trazado histórico do Camiño de Inverno.
A moción impulsada pola Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur tamén se levou ao Pleno do concello da Pobra do Brollón o día seguinte, venres 23 de outubro. Igualmente, os membros da corporación deron o apoio unánime e manifestaron un apoio completo á iniciativa.
Por último, a directiva da asociación de Vilachá de Salvadur anuncia que esta mesma moción será presentada ante o Pleno do Concello de Monforte de Lemos e co apoio de colectivos ou persoas das parroquias monfortinas afectadas. De confirmar este apoio institucional, a asociación adianta que a Deputación de Lugo estaría disposta a asumir esta reivindicación conforme o falado durante unha xuntanza celebreda neste mesmo verán.