O Concello de Monforte tamén reclama á Xunta que faga oficial un traxecto alternativo do Camiño de Inverno que o faga pasar pola Cubela, Vilachá de Salvadur e a parroquia de Rozavales. A decisión foi aprobada polo pleno da corporación monfortina que se reuniu esta semana. Con Monforte, son xa tres os concellos que piden á administración galega o recoñecemento oficial deste itinerario como unha variante do Camiño de Inverno

A resolución aprobada pola corporación de Monforte recolle os argumentos da asociación de veciños de Vilachá de Salvadur. Esta entidade sostén que hai documentación histórica suficiente como para demostrar que a antiga ruta de peregrinación a Santiago actualmente denominada como Camiño de Inverno salvaba o río Sil en barca desde a parroquia de Torbeo, no termo municipal de Ribas de Sil, e a de Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón.

O único na Ribeira Sacra

Na asociación de veciños de Vilachá destacan que o tramo que eles reivindican sería precisamente o único do Camiño de Inverno que pasaría propiamente pola parte da Ribeira Sacra considerada o núcleo central deste territorio na documentación entregada pola Xunta ao Ministerio de Cultura para apoiar a candidatura a patrimonio da humanidade ante a Unesco. «Por iso destacamos -din os portavoces deste colectivo veciñal- que ou seu recoñecemento faría combinar dous fenómenos de alcance internacional como son ou Camiño de Santiago e a Ribeira Sacra.

O seguinte apoio institucional que os veciños da parroquia de Vilachá proponse conseguir é o da Deputación de Lugo. E ademais están a preparar diferentes iniciativas de cara ao 2021, que non só é o ano do próximo xacobeo, senón tamén o da posible declaración da Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade. Todo á espera de que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural aprobe o trazado definitivo do Camiño de Inverno, un trámite iniciado no 2014 e que vai con atraso, aínda que xa está na súa fase final.

 

Publicado en La Voz de Galicia