O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes co presidente da Asociación de Veciños de Vilachá de Salvadur, José Castiñeira Defente, o convenio de colaboración polo que a institución provincial inviste 3.000€ para a sinalización e acondicionamento do roteiro turístico de Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón, incluído na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade da UNESCO.

Tomé Roca destacou que esta axuda enmárcase “na firme aposta que dende a Deputación estamos a facer por protexer e poñer en valor o noso patrimonio natural, arqueolóxico e etnográfico, co obxectivo de contribuír á promoción turística da provincia, xerando novos postos de traballo, fixando poboación no rural e dinamizando a economía. E facémolo a través dun turismo de calidade, sostible, de experiencias, respectuoso co entorno e con capacidade de atraer visitantes ao longo do ano”.

Neste senso, o mandatario provincial salientou que esta actuación coincide co pulo que a Deputación de Lugo está a realizar para que a candidatura da Ribeira Sacra logre ser Patrimonio da Humanidade. “Unha candidatura impulsada pola institución provincial e á que logo se sumaron outras administracións, como a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia”, subliñou Tomé Roca.

O roteiro de Vilachá de Salvadur é circular. Situado no Camiño de Inverno a Santiago de Compostela, conta con 8 quilómetros de lonxitude e o seu percorrido ten unha duración aproximada de 2 horas. O comezo e o final sitúase nas adegas de Vilachá de Salvadur, por ser este o espazo distintivo da parroquia, así como o elemento BIC integrado na candidatura da Ribeira Sacra a Ben Mundial. En canto aos espazos polos que transcorre o camiño, inclúe o castro de Castrelado, a mámoa da Portela, as adegas medievais e dous miradoiros sobre os Canóns do Sil. Así mesmo, a tipoloxía do sendeiro permite que se poida facer a pé, en bicicleta ou noutras modalidades.