A Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur vén de recibir a validación dos 100 primeiros topónimos cos que iniciou a colaboración co proxecto “Galicia Nomeada”, impulsada e coordinada pola Real Academia Galega co apoio da Xunta de Galicia. Trátase dun proxecto aberto e participativo no que identificar a microtoponimia de toda Galicia. A asociación púxose en contacto tanto coa directiva da RAG como cos responsables do proxecto e a propia Comisión de Toponimia para formalizar esta colaboración.
Para esta validación dos topónimos fixo falta o aval dun persoa formada en materia filolóxica que, neste ocasión, é un dos membros da directiva. Desta maneira, a Real Academia Galega outorga un recoñecemento ao traballo da asociación e recoñece a importancia da implicación do asociacionismo de base. A tarefa realizada dende a asociación parte do traballo de campo e o estudo posterior. A estes primeiros 100 topónimos validados virá outra ampla remesa de novos topónimos que completen a cartografía onomástica de Vilachá.
A maioría dos topónimos recollidos refírense a realidades naturais: O Souto, Laguceiros, A Corredoira, A Lagua… Despois existen outros curiosos, como o Castrelao («quen viven no castro»), Fontacastro, Piscallín, O Pozo do Oso, A Fontiña de Abril… Máis adiante agardamos poder realizar un estudo detallado, filolóxico e histórico, sobre cada un dos microtopónimos de Vilachá de Salvadur. A través deles pódese construír a propia historia da parroquia.
A importancia da toponimia é enorme posto que representa un patrimonio inmaterial en perigo xa que coa morte das persoas máis vellas tamén se van perdendo algúns topónimos. Por iso, dende a Asociación de Veciños/as de VIlachá de Salvadur tamén chamamos a que outras asociacións e colectivos de parroquias da Ribeira Sacra participen en “Galicia Nomeada” para asegurar a conservación e pervivencia da toponimia de toda esta comarca.