O pasado ano publicouse un libro que nos permite coñecer mellor a historia da comarca de Lemos a partir dos documentos do mosteiro de San Vicenzo do Pino. Neste Libro de registro de escrituras del monasterio de San Vicente del Pino en Monforte de Lemos, escrito polo padre Mancio no 1613 (con edición ao coidado de José María Lago Bornstein), hai un apartado dedicado a Vilachá de Salvadur. Esta referencia tamén nos indica a importancia que tiña a nosa parroquia como espazo de actividade vitícola e a propia vida das adegas. Esta información dá continuidade a outra recollida nas coleccións de documentos medievais dos mosteiros de Montederramo e do propio de San Vicente do Pino nos séculos anteriores que confirman a dinámica social e económica de Vilachá de Salvadur e das tres ribeiras: Lagares (pertencente a San Vicente do Pino) e Val do Frade e O Eivedo (ambas dependentes do mosteiro de Montederramo).

Nesta nova obra, de inicios do XVII, dísenos que Mancio de Torres foi enviado a Monforte de Lemos para ordenar o arquivo monacal. Durante esta tarefa, o arquiveiro decidiu crear seccións en formato de «caixóns». Un deles (concretamente o número 9) pertence a Vilachá. Que a nosa parroquia era o núcleo máis importante da zona, por poboación e actividade, revélano os documentos e tamén a organización do arquivo. A razón é que Mancio de Torres inclúe dentro de «Vilacháa y partido» as seguintes poboacións: Augasmestas, Eixón, Liñares, O Incio, Pinel, Quinta de Lor, Rozavales, Salcedo, Sindrán, Vilamarín, Abrence e Óutara.

Poucas parroquias contan con tantísima información documental dende o século XII en adiante. Realmente é unha riqueza que nos dá moita información sobre Vilachá de Salvadur. Sen dúbida, o estudo de todas estas coleccións terá como resultado un libro de interese non só local senón tamén comarcal e nacional posto que podemos historiar a evolución das formas e dos acordos arredor da produción do viño e das adegas, que son símbolo de Vilachá de Salvadur e elemento único na Ribeira Sacra. De especial atención merece as referencias ás adegas e os tipos de aforamento que existían sobre elas.

Canda isto, ten o valor de dános información sobre a evolución toponímica ou ler certas curiosidades daquel tempo. Por exemplo, o proceso aberto contra o cura de Rozavales por «derramar el cáliz consagrado», ou contra Luisa Pascuala porque comcer empanada o día e Pascua e despois comungar.