Meses atrás publicouse o libro «Observacións sobre o cultivo da vide na Galiza» (1843), en tradución ao galego de Xesús Verao. A obra está promovida pola asociación Colado do Vento (Sober), membro coma nós da Federación de Asociacións da Ribeira Sacra, e editada polo selo da Libraría da Proencia. A esta libraría pódenselle pedir exemplares dende a súa web www.proencialibros.com.

Esta obra está asinada polo monfortino Antonio Casares, Catedrático de Química e Historia Natural da USC. Imprimiuse no obradoiro da familia Compañel, unha imprenta moi importante no Rexurdimento posto que Juan Compañel imprimiría en Vigo «Cantares gallegos» (1863) de Rosalía de Castro. En todo caso, este breve ensaio fálanos sobre distintos aspectos do traballo da uva en comarcas vitícolas como a Ribeira Sacra, O Ribeiro, O Salnés…

Ten un especial interese para a nosa zona en xeral pero tamén para Vilachá de Salvadur. Antonio Casares tería subido até Vilachá para comprobar o traballo da uva nalgunhas ou en todas as nosas ribeiras (Lagares, Val do Frade ou O Eivedo). Froito desta visita é o dato que nos ofrece no citado libriño ao realizar a comparativa do viño feito en Vilachá de Salvadur e o feito en Amandi. En concreto, cifra en 13 graos o alcohol absoluto contido en 100 partes de viño, a mesma graduación que teñen os de Amandi. E engade, ademais, que malia estar a distancia unha da outra se trataría de viños practicamente iguais.

Pola contra, cando xa hai case 200 anos que Antonio Casares anotaba o dito, os caldos de Vilachá de Salvadur seguen dentro da denominación de orixe Ribeira Sacra, na subzona Quiroga-Bibei. En realidade, a uva de Vilachá de Salvadur debera estar incluída na subzona de Amandi. E iso tería unha repercusión tanto para a nosa ribeira como para os nosos produtores. Alguén debera atender ao que xa dixo Antonio Casares en 1842.

 

[A foto é de Paula Verao].