Alén do mito que sitúa a orixe da viticultura na Ribeira Sacra nos tempos da romanización, existen poucas evidencias científicas dos primeiros socalcos (tamén coñecidos como terrazas, ou pataos, na fala da zona) erixidos nas espectaculares pendentes que caen sobre o Miño e o Sil. Mais as investigacións realizadas nos últimos anos en enclaves como o xacemento dos conventos, en Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón), están a botar luz sobre a orixe desta forma de cultivo. Este mércores, nunha rolda de prensa, presentáronse as primeiras datacións do traballo que desde hai anos veñen realizando edafólogos e arqueólogos na zona, e que sitúan a orixe máis antiga na contorna do século X, o que completa a visión sobre a evolución histórica desta paisaxe vitícola.
Segundo estes novos achados, as cronoloxías vincúlanse á época altomedieval, o que constata que o proceso de construción de terrazas remóntase a épocas previas ao establecemento da orde do Císter na zona. Os achados coinciden con investigacións previas realizadas polo Incipit, no que se observou a construción de socalcos na Alta Idade Media.
No caso de Vilachá de Salvadur, realizáronse un total de 110 mostras recollidas e repartidas en cinco sondaxes en cuxa distribución influíron criterios como que houbera catas preto e lonxe do río, distintos graos de pendente ou distancia do xacemento dos Conventos. O obxectivo era facer o mostrario o máis diverso posible para poder comprobar como foi crecendo en extensión a explotación agraria.
Ademais das datacións, na investigación, realizada no marco do proxecto Adegas da Memoria, acometéronse dúas campañas de escavación no xacemento de Os Conventos, un estudo etnográfico entre os veciños e o estudo da documentación medieval referente a esta parroquia ribeirá. Os dous achados máis reveladores desta escavación coinciden tamén no século X: un enterramento no que se localizaron restos humanos e unha lauda funerariacon inscrición. Ademais de coincidir no tempo coas datacións dos bancais, revelan un uso sacro dese espazo.
Este proxecto contou coa colaboración da Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur.
Info tomada da web gciencia.com