A Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur organizou o pasado 15 de maio un acto para promocionar tres aspectos: o roteiro circular polo patrimonio da parroquia, a reivindicación da oficialidade do trazado histórico do Camiño de Inverno a Santiago de Compostela por Torbeo-Vilachá-Rozavales e o apoio á candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio da humanidade (no cal se inclúen as adegas milenarias como elemento BIC e un ben singular dentro do proxecto). Para esta actividade convidamos ás distintas autoridades involucradas nos referidos proxectos: Deputación de Lugo e os concellos da Pobra do Brollón, Ribas de Sil e Monforte de Lemos.

O acto, que contou coa participación da veciñanza, consistiu nun percorrido dende o miradoiro da Capela até as adegas, na Abelaira. Alí houbo tempo para facer as declaracións á prensa, visitar distintas adegas abertas para a ocasión e tomar un viño (o noso agradecemento a Acivro, produtor local con viñas no Eivedo, por colaborar no acto). Durante o percorrido houbo ocasión para falar de distintos temas, propostas de colaboración e novas iniciativas que atinxen dende o patrimonio inmaterial ás novas tecnoloxías.

O presidente da nosa asociación explicou a historia das tres ribeiras que hai en Vilachá (Lagares, Val do Frade e O Eivedo), expuxo os argumentos nos cales se basea o trazado histórico do Camiño de Inverno e agradeceu as autoridades a súa colaboración e presenza. Por último, subliñouse a importancia do traballo de base que parte da implicación e do esforzo dos veciños e veciñas de Vilachá, que decidiron poñer en valor o patrimonio local como unha forma de compartir a riqueza da parroquia e contribuír humildemente á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.