A Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur solicita á Administración pública máis compromiso coas adegas medievais como elemento patrimonial único na Ribeira Sacra

 O pasado venres 3 de setembro o Diario Oficial de Galicia publicaba a entrada en vigor do Plan de Acción da Paisaxe da Ribeira Sacra. Este documento recolle itinerarios de interese paisaxístico con valores panorámicos por varios lugares e concellos desta zona.

A Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur lamenta que, unha vez máis, a Administración non teña en conta a súa parroquia nos plans de promoción da Ribeira Sacra. Dende a asociación reclaman unha maior implicación por parte das entidades públicas para a conservación, mellora e promoción das adegas de Vilachá (A Pobra do Brollón), que foron declaradas BIC e que son un elemento único da frustrada candidatura a Patrimonio da Humanidade polo seu carácter etnográfico.

Dende o comezo da candidatura a parroquia de Vilachá de Salvadur aínda non obtivo ningunha axuda nin apoio para a posta en valor tanto do BIC como doutros elementos patrimoniais. Dende a asociación indican que amosaron a súa vontade de colaborar coa Administración, dende un diálogo construtivo e totalmente desinteresado. Tamén solicitaron a inclusión na Mesa Interdepartamental da Ribeira Sacra e o Consello de Parroquias, pero non recibiron resposta de ningunha delas.

A organización veciñal considera importante a inclusión destes espazos con alto valor etnográfico nun pacto de promoción dos valores naturais, culturais e patrimoniais da Ribeira Sacra. Ademais cren oportuno incluír outros elementos de interese, e que encaixarían coas liñas do citado plan presentado pola Xunta, como son o miradoiro da Capela ou a posta en valor do trazado histórico do Camiño de Inverno, que esta asociación leva reivindicando á espera do ditame final da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

Por outra parte, e dentro das posibles liñas de traballo futuro, dende a asociación solicitan unha mellora da sinalización. Por este motivo, hai meses pediron formalmente ao Ministerio (tramitado por medio do Concello da Pobra do Brollón) un sinal na N-120 á altura do desvío á Pobra e Vilachá que aínda non tivo resposta. Igualmente reclaman sinais para o xacemento castrexo do Castrelao (que este ano será obxecto de estudo arqueolóxico grazas ao apoio da Deputación de Lugo ao proxecto presentado pola Asociación de Veciños/as de Vilachá) e para Os Conventos.

Por último, dende a asociación fixeron chegar ao concello un documento con varios propostas para presentar ante o Consorcio da Ribeira Sacra. Este documento inclúe a reposición do panel panorámico no miradoiro da Capela, a protección dos elementos patrimoniais como as mámoas ou un proxecto de renovación do Museo do Viño.

Vilachá de Salvadur, setembro do 2021